Máster Universitario en Biotecnoloxía Avanzada
Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia
A mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, acredita, por unha banda, o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos que acadan este recoñecemento; e, doutra banda, tamén supón unha garantía de futuro para o estudantado.
A biotecnoloxía actual inclúe un conxunto de técnicas e tecnoloxías moi sofisticadas, que están a substituír ás metodoloxías clásicas, favorecendo resultados máis inmediatos e permitindo abordar novos retos impensables ata hai poucas décadas. Hoxe en día requírese profesionais altamente cualificados para poder afrontar os novos retos ante os que se enfronta este sector biotecnolóxico, tanto no ámbito empresarial como no investigador.
O mestrado pretende ser unha oferta de posgrao de calidade potencialmente útil para os Graos/Licenciaturas de Biotecnoloxía, Bioloxía, Química, Bioquímica, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Farmacia, Medicina, Química, Veterinaria, Ciencias Ambientais, Ciencias do Mar e Enxeñaría Química ou Agrónoma, así como unha vía para a formación de profesionais e doutores entre as persoas tituladas dos devanditos estudos.


