Para acceder ao ensino oficial de máster será necesario estar en posesión dun título universitario oficial español ou doutro expedido por unha institución de educación superior do EEES que faculte no país expedidor do título para o acceso ao ensino de máster.

Así mesmo, poderán acceder as persoas tituladas conforme a sistemas educativos alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior, sen necesidade da homologación dos seus títulos, despois de que a UDC comprobe que estes acreditan un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos universitarios oficiais españois e facultan no país expedidor do título para o acceso ao ensino de posgrao. O acceso por esta vía non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo de que estea en posesión a persoa interesada, nin o seu recoñecemento para outros efectos que o de cursar o ensino de máster.

Os titulados conforme a sistemas educativos alleos ao EEES que soliciten acceso ás ensinanzas oficiais de másteres universitarios que habilitan para o exercicio de profesión regulada, necesariamente deberán ter o seu título homologado ou declarado equivalente polo ministerio competente.

Os estudantes poderán ser admitidos a un máster conforme aos requisitos específicos e criterios de valoración de méritos que foren propios do título de máster universitario. A UDC incluirá os procedementos e requisitos de admisión no plan de estudos.

A admisión non implicará, en ningún caso, ningunha modificación dos efectos académicos e profesionais que correspondan ao título previo de que estea en posesión a persoa interesada, nin o seu recoñecemento para outro efecto que o de cursar o ensino de máster.

Requisitos de acceso comúns

Os criterios de acceso son os que veñen determinados nas directrices do RD 1393/2007. Nos perfís de acceso para este mestrado inclúense todas as titulacións universitarias da rama das ciencias experimentais ou ciencias da saúde.