Obxectivos xerais do título
O Máster pretende ser unha oferta de posgrao de calidade potencialmente útil para os Graos/Licenciaturas de Biotecnoloxía, Bioloxía, Química, Bioquímica, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Farmacia, Medicina, Química, Veterinaria, Ciencias Ambientais, Ciencias do Mar e Enxeñería Química ou Agrónoma, así como unha vía para a formación de profesionais e doutores entre os egresados dos devanditos graos.
O principal obxectivo é proporcionar a estes profesionais, unha formación avanzada en Biotecnoloxía, de carácter especializado e multidisciplinar, dotándolles das ferramentas necesarias para promover a iniciación en tarefas investigadoras e profesionais.
Obxectivos específicos do título
Os obxectivos específicos do título consistirán en capacitar ao postgraduado para exercer a súa actividade como:
- Profesional especialista cunha sólida formación conceptual e metodolóxica en Biotecnoloxía dos sistemas de produción, xestión e control de calidade das industrias alimentarias e agropecuarias.
- Profesional especialista nas aplicacións da Biotecnoloxía na sustentabilidade dos sistemas de produción e na biorremediación do medio ambiente, así como na súa prevención e xestión (auditorías ambientais).
- Profesional especialista en diagnóstico e terapia molecular de enfermidades así como nos sistemas de produción e xestión das industrias biomédicas.
- Profesional cun espírito científico crítico, capacidade para o deseño experimental, a comunicación científica, o traballo en equipo e coas competencias necesarias para a incorporación en centros de investigación e empresas do sector biotecnolóxico.